Sánchez Bugallo remitiuse ao artigo 67 do regulamento do Pleno, que se refire ás cuestións de orde. No mesmo dise que, cando se susciten, "o presidente ou presidenta resolverá o que proceda, sen que por este motivo poida suscitarse ningún debate". Á vista disto, aludiu tamén a que o artigo 69, sobre chamada á orde, di que o presidente poderá chamar á orde a calquera membro da corporación que "pretenda facer uso da palabra sen que se lle fose concedida ou unha vez que lle fose retirada". No mesmo artigo dise que "tras tres chamadas á orde na mesma sesión, con advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, o presidente ou presidenta poderá ordenarlle que abandone o Pleno, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión". "Isto foi exactamente o que sucedeu", afirmou o alcalde. Por iso, considerou a actuación do PP no Pleno como "premeditada e alevosa". "Víase vir, porque levan moito tempo interrompendo os plenos por asuntos de orde ficticios, engadiu. Sobre o erro nun número do rexistro de entrada da solicitude de comparecencia do concelleiro de Turismo Xosé Manuel Iglesias, reiterou que "en ningún caso existiu manipulación" e que se tratou unicamente dun "erro material", como se pode extraer dos xustificantes electrónicos do Rexistro, que tamén amosou na rolda de prensa. Fuente: Ayuntamiento de Santiago de Compostela
|