O alcalde en rolda de prensa.
Na súa primeira rolda de prensa de 2009, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo un repaso das principais obras que se desenvolverán na cidade ao longo deste ano. Segundo indicou, a actuación municipal neste campo pretende potenciar sobre todo a obra pública para combater o paro e fomentar a actividade económica"
Sánchez Bugallo comezou por referirse ás infraestruturas viarias, que dividiu en tres eixes: o convenio co Ministerio de Fomento, as obras incluídas no Fondo Estatal e as do convenio de travesías asinado coa Consellería de Política Territorial. Así, sobre o primeiro, expresou a súa confianza en que no mesmo mes de xaneiro se saque a licitación a duplicación da ponte de acceso ao Polígono do Tambre. Para o primeiro semestre do ano prevé tamén a licitación do paso inferior baixo a rotonda de Conxo.
Outra obra pendente do devandito convenio, o coñecido como túnel da Galuresa, xa está en marcha. Á espera do resultado da xuntanza deste mesmo venres entre os técnicos municipais, os de Fomento e os da empresa adxudicataria, o alcalde xa anticipou algún dos puntos do plan de tráfico alternativo que se trazará. Así, o obxectivo será que chegue o menor tráfico posible á zona das obras, polo que se abrirán os vieiros de Cornes e se habilitarán catro carrís no vieiro Sar-Pontepedriña, suprimindo así as dúas bandas de aparcamento.
O Fondo Estatal para os concellos habilitado polo Goberno Central permitirá o segundo grupo de obras. De feito, anunciou Sánchez Bugallo que o primeiro paquete de obras será aprobado na Xunta de Goberno do martes 13, para ser inmediatamente remitidos ao Ministerio de Administracións Públicas. O resto de proxectos iranse aprobando a medida que estean listos, para ser remitidos en todo caso antes do 24 de xaneiro.
O terceiro grupo de obras en vieiros é o derivado do chamado convenio de travesías subscrito coa Consellería de Política Territorial. Afirmou o alcalde que varios dos proxectos xa foron entregados ao Concello e que o obxectivo é sacar a licitación o máis importante paquete de obras entre finais de marzo e abril
Fuente: Ayuntamiento de Santiago de Compostela
|